PSOE e BNG pactan medidas para abaratar a luz ás electrointensivas e a “modernización” do FEVE

O pacto para a investidura inclúe o estatuto, o fomento dos contratos bilaterais, a liberación dos peaxes ou elevar ao máximo as compensacións por emisións indirectas de CO2

Adriana Lastra e Ana Pontón. EFE

A aprobación “coa máxima urxencia” dun estatuto das electrointensivas, “liberar a factura de cargos que non teñan relación directa co funcionamento dos sistema eléctrico”, ou outras medidas para abaratar o prezo da electricidade ás grandes consumidoras, como o aval “con instrumentos de garantía pública” dos contratos bilaterais (PPA) de enerxía ou elevar ao máximo permitido as compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2).

Son algúns dos puntos que recolle o acordo de investidura pechado por PSOE e BNG, que -a éspera a decisión de ERC despois de que a Junta Electoral Central (JEC) inhabilitase como presidente da Generalitat a Quim Torra– permitiría que Pedro Sánchez sexa elixido presidente do Goberno central o vindeiro día 7.

Todas son reivindicacións realizadas polos sindicatos para facilitar a continuidade do emprego en Alcoa San Cibrao, toda vez que a multinacional cuestionou a viabilidade da fábrica sancibrense de aluminio primario, a única de España.

REIVINDICACIÓNS DOS SINDICATOS

Entre o pacto pechado en Madrid este mesmo venres polos representantes das formacións socialista e nacionalista, que posibilitaría a Sánchez contar con 167 votos a favor na sesión de investidura por 164 en contra, recóllense estas medidas. A aprobación do estatuto das electrointensivas, que os sindicatos reclaman de forma “inmediata” como única forma de evitar que Alcoa aplique un recorte no emprego, tras unha poxa de interrompibilidade na que as centrais cifran as perdas en 16 millóns con respecto á anterior convocatoria, foi tamén un dos puntos do acordo para un goberno en coalición entre PSOE e Unidas Podemos.

No acordo entre socialistas e nacionalistas tamén se inclúe “esixir como contrapartida ás empresas que se acollan ao estatuto un esforzo en investimentos e melloras nos procesos produtivos que reduza o impacto ambiental e garanta manter e ampliar o emprego directo”.

No referente a Alcoa, outro dos puntos é a “creación inmediata” dunha mesa de seguimento polo futuro da planta sancibrense. A primeira reunión será o 15 de xaneiro, aínda que os sindicatos solicitaron que se convoque canto antes tanto á dirección como á parte social ante o temor a despedimentos.

TREN

No tocante aos puntos que atinxen directamente á Mariña Lucense, PSOE e BNG tamén comprometeron no documento asinado á “modernización” da liña ferroviaria do FEVE Ferrol-Xixón, aqueixada de numerosas cancelacións dos servizos, boa parte deles por avaría do material, aínda que no pacto non se concreta unha maior frecuencia de horarios, unha das reivindicacións centrais dos usuarios.

Podes consultar o acordo completo neste documento. AcuerdoBNG

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here